miércoles, 6 de noviembre de 2019

Breve guía de linguaxe non sexista



Breve guía da linguaxe non sexista
1.                      Porque é necesario usar unha linguaxe non sexista?
Segundo a UNESCO “a linguaxe non é unha creación arbitraria da mente humana, senón un produto social e histórico que inflúe na nosa percepción da realidade (...) a linguaxe condiciona o noso pensamento e determina a nosa visión do mundo”.
Así por exemplo se un texto comeza dicindo “O home ten uns 5 litros de sangue no corpo...”, podemos pensar que está a falar do “home” como especie, incluíndo á muller, utilizando o masculino con valor xenérico, ata que uns parágrafos máis abaixo atopemos “a muller pola súa banda, ten uns 4 litros...”. O mesmo en textos que falan de canto cobran “os pensionistas galegos”, etc.
Durante moitos séculos a linguaxe foise conformando nunha sociedade machista e así o reflicte. Pero o que non se nomea, non existe, e debemos cambiar iso.
2.                      Como saber se estamos empregando unha linguaxe non sexista?
Un pequeno truco é imaxinar que estamos a falar dunha muller (ou nena) ou dun grupo de mulleres (ou nenas). Se pensando así a frase funcionaría, sería linguaxe non sexista. É dicir, se a frase cambiaría dicíndoa en feminino, é que estamos a falar en linguaxe sexista; e se en feminino non variaría, é linguaxe non sexista.
Exemplos:
Expresión a analizar
Análise
Linguaxe non sexista
O Home habita a terra...
Home ten o feminino muller
A humanidade habita...
O pobo galego é...
Pobo non ten feminino
O pobo galego é...
Os alumnos examinaranse...
Alumnos ten feminino
O alumnado examinarase...

3.                      Algúns trucos para conseguir unha linguaxe non sexista elegante:
-               É preferible non empregar fórmulas tales como alumno/a, ou alumn@, alumnx, etc., pola dificultade para a súa lectura, sobre todo en voz alta.
-               Convén facer visibles ás mulleres, de forma explícita, nalgún momento do texto: “os alumnos e as alumnas acudirán...”, pero non repetir constantemente o desdobramento, porque empobrece a calidade lingüística do texto. O ideal é nomealas directamente ao principio do discurso, para que todo o mundo teña claro que están incluídas, e despois non ocultalas co masculino xenérico, coas ideas expostas a continuación.
-               Utilizar nomes colectivos: é mellor empregar “o profesorado” ou “o persoal docente” que “os profesores e profesoras”; “alumnado”, en vez de “alumnos e alumnas”; “as persoas de idade” en vez de “os anciáns e anciás”; “a mocidade”, en lugar de “os mozos e as mozas”, “as familias” en lugar de “os pais e as nais”.
-               Utilizar comodíns como “xente”, “persoas”, “persoal”:” empregar “a xente común”, “as persoas en xeral”, “a meirande parte das persoas” no canto de “o home medio”...; “as persoas maiores de 16 anos”, en lugar de “os maiores de 16 anos”; “educación de persoas adultas” en lugar de “educación de adultos”; “o persoal de limpeza” en vez de “as señoras da limpeza”, etc.
-               Procurar priorizar palabras invariables, porque se por exemplo dicimos que “o alumnado é moi listo”, o adxectivo listo, xa está indicando masculino. É preferible empregar “o alumnado é moi intelixente”. Do mesmo xeito, expresións como “Protagonista do ano”, son mellores que “Home do ano”; “Ninguén vai na súa procura”, en lugar de “ninguén vai buscalos”, etc.
-               Empregar o pronome relativo quen: “quen queira facer a recuperación”, en lugar de “os que queiran facer a recuperación”.
-               Eliminar masculinos innecesarios: “Normas da biblioteca”, en lugar de “Normas dos usuarios da biblioteca”; “porta do comedor escolar”, en lugar de “porta dos alumnos do comedor escolar”...
Falar con linguaxe non sexista, costa tanto, como buscar sinónimos para non repetir palabras, é dicir, que só costa ao principio, e logo faise de forma case inconsciente.
CO TEMPO VAI COLLÉNDOSE PRÁCTICA. NON HAI QUE INTENTAR FACER TODO XA.

No hay comentarios:

Publicar un comentario