viernes, 30 de junio de 2017

Enquisa "detección do machismo" por parte do alumnado

A principios deste curso 2016 - 2017, fixemos esta mesma enquisa co obxectivo de coñecer o nivel de partida do alumnado en cuestións de xénero. Ata que punto podían recoñecer o machismo en determinadas afirmacións?. Na entrada á que se pode acceder premendo neste enlace explicábase o obxectivo de cada un dos items da enquisa. 
A finais de curso repetimos a mesma enquisa (malia que algúns items daban lugar a error de interpretación sobre o que se preguntaba) despois de barallar a posibilidade de redactar doutro modo os items para non dar lugar a confusión. Non se fixo o cambio por medo a desvirtuar os resultados finais, é dicir, que se había melloría nos resultados puidera deberse máis á esa mellora na redación que a un verdadero cambio cognitivo das rapazas e rapaces.
A enquisa tiña por obxectivo detectar dende o machismo a nivel únicamente de linguaxe sexista, pasando por diferentes estereotipos de xénero femininos e masculinos, ata chegar a consignas feministas e postmachistas. Moitos items eran de recheo, con frases coas que saben que a profesora non está dacordo, incluso indignantes, para asegurar que non responden a todo o bon como feminista, e todo o malo como machista.
Apliquei a enquisa en todos os meus cursos: un pequeno grupo de 5 alumnos de 2º da ESO, do Progama de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento e os grupos de 3º e 4º da ESO. 
En 2º da ESO a enquisa demostrou que o nivel de partida era realmente básico. O grupo reflicte o machismo que se respira nunha parte moi amplia da sociedade, nos medios de comunicación, publicidade, etc. Neste grupo os estereotipos sexistas están totalmente interiorizados como naturais e houbo que empezar por tratar de facerlles ver que as mulleres valen tanto coma os homes, que a división sexista dos xoguetes é algo artificial e sen sentido, e que insultar en feminino é insultar a todas as mulleres. Mostráronse receptivos á aprendizaxe, pero é moi difícil cambiar ideas previas adquiridas firmemente ao longo de toda unha vida nuns cantos meses, incluso a pesar do traballo realizado en anos anteriores por outras compañeiras, e o traballo realizado polas profesoras deste curso tanto en titoría como  noutras materias, como contido transversal.
En 3º traballámolo de forma transversal, dedicándolle únicamente 3 sesións específicamente, unha de elas, a actividade organizada para o 8 de marzo, sobre o corto "Alike".
En 4º de Eso traballouse de forma transversal, pero tamén específicamente a través da materia de valores, facendo o alumnado algúns traballos sobre o machismo en diferentes campos elixidos de forma libre.
1. Linguaxe sexista:
Para facer entender a importancia de empregar unha linguaxe non sexista, fíxose fincapé ao longo de todo o curso na invisibilización da muller en todos os campos. Especialmente na materia de historia, visibilizábase ás mulleres que non soen aparecer nos libros de texto, como as mulleres que foron nas primeras viaxes tras o descubrimento de América (3º da ESO), as mulleres ilustradas, raíñas déspotas ilustradas, etc. En cada período da historia facíaselle ver ao alumnado que as mulleres estaban presentes malia que non se reflicta nos libros de forma habitual. Empregando unha linguaxe sexista a Historia da Humanidade convértese na Historia do Home. 





Para que foran conscientes de que cando empregamos o xenérico masculino, en realidade non estamos pensando en mulleres, fixemos dúas actividades princpiais. A primeira consistíu en ver o seguinte vídeo, xusto despois de facer a enquisa, e preguntarlles se pensaran en mulleres cando leron "moros fora" na enquisa. Pero o máis impactante foi a actividade do 8 de marzo "Alike". O interesante deste corto é que non aparecen mulleres, tan só unha nena como figurante; pero ao ver o corto e despois preguntarlles de qué cor eran as mulleres, o 90 % do alumnado afirma que eran grises, mentres que só o 10% se decatan de que non hai presenza de mulleres. É unha perfecta alegoría da linguaxe sexista, xa que o corto exprésase cunha linguaxe visual sexista.

Como podemos ver, algo mellorou a detección da linguaxe sexista, no aumento das barras vermellas (machismo) tanto en 3º como en 4º a final de curso (datos da dereita de cada gráfico).

2. Estereotipos e cosificación das mulleres.
 Traballamos tanto a falsidade dos estereotipos sexistas, como a cosificación das mulleres e as súas consecuncias.
En 2º de ESO os materiais seran máis directos e sinxelos. Por exemplo:






3. A importancia de analizarnos continuamente e procurar evitar o sexismo na nosa contorna.

4. A violencia de xénero ten moitas formas



Traballamos os distintos tipos de maltrato, pero especialmente os que poden sufrir o inflixir en idade adolescente.


5. Dúbidas e debates.
Por último en 4º da ESO, a través da materia de valores, traballamos con dúbidas e fixemos debates dirixidos sobre aspectos do machismo ou do feminismo que traía o propio alumnado: anuncios, programas de televisión, noticias, etc. Nestes debates é onde máis se aprecia a evolución do alumnado. Evolucionaron incluso en aspectos non directamente relacionados co feminismo en sí, ainda que sí con outros colectivos discriminados, como as lesbianas e homosexuais e a transexualidade.

6. Traballos de investigación.
Na materia de valores de 4º da ESO, o alumnado fixo unha serie de traballos persoais de investigación sobre o machismo ou o feminismo nos máis variados temas. Cabe destacar especialmente dous traballos especialmente bos, explicados polas propias alumnas nestes videos:

sábado, 24 de junio de 2017

Traballo de Isabel González Pin sobre o machismo no campo da Música


Traballo realizado por María Besteiro Valiño sobre o machismo na mecánica


Traballo realizado por María Besteiro Valiño sobre o machismo na mecánica.

Traballo de Tania Varela Ron sobre o machismo na cociña


Traballo de Tania Varela Ron sobre o machismo na cociña. Parabéns Tania!.

Traballo de Sara Morán Edrosa sobre o machismo na política



Un traballo excepcional sobre o machismo na política, moi ben documentado e exposto por Sara Morán Edrosa. Parabéns Sara!!.

Traballo de Lucía Villanueva Moretón: a mirada feminista no Ánime


Excelente traballo!!. Unha análise de excepcional calidade, moi ben documentado e estupendamente exposto, sobre os xéneros do ánime e o machismo que reflicten. Parabéns, Lucía!!.

jueves, 16 de marzo de 2017

A palla no ollo alleo

A muller saíu ao mundo do traballo fora da casa, pero o home non entrou aínda no doméstico. Desta maneira a muller ten unha dobre xornada laboral: a xornada fora da casa e a de dentro. Moita xente non percibe isto, de tan afeitos e afeitas que estamos a ver mulleres facendo tarefas do fogar. 
É moi común que determinados traballos que fan as mulleres cada día, non se consideren traballos se os fai unha muller pero sí se os fai un home: levar aos pequenos ás actividades estraescolares, ir falar coa titora, levar aos cativos ao médico, acompañalos e durmilos pola noite, erguerse a darlles auga, coser disfraces, invitar amiguiños do cole, etc. Tamén hai traballos que se consideran invisibles, xa que mesmo os homes que colaboran nas tarefas domésticas moitas veces non teñen en conta algunhas que se fan de tarde en tarde como limpar as portas, a prata, o pó das lámpadas, os caixóns por dentro, cambiar a roupa nos armarios segundo a época do ano, etc.
Debemos facernos conscientes e ir eliminando estas inxustizas diarias.

lunes, 23 de enero de 2017

Estereotipos masculinos machistas

O feminismo non é o contrario do machismo e tampouco é un enfrontamento de mulleres contra homes. As máis prexudicadas, con diferenza, polo machismo son as mulleres, mentres que os homes disfrutan de privilexios. Por iso o feminismo loita polos dereitos das mulleres. Pero o machismo tamén supón un problema para os homes que non encaixan nos estereotipos de home que ten o patriarcado. Así que unha vantaxe "colateral" do feminismo, é que, en moitos aspectos, libera tamén aos homes.
Nos últimos tempos traballouse moito o empoderamento da muller e se loitou contra os estereotipos femininos, pero os estereotipos masculinos siguen en pleno auxe.
O estereotipo do home "macho" heterosexual de instintos irrefrenables aínda permanece no imaxinario colectivo cunha forza incríble. Se os homes tivesen tanto problema para controlar o seu impulso sexual, non podería haber xinecólogos nin cirurxáns.
Aquí temos dous videos, nun, Pablo Motos fai o idiota con tal de quedar de "macho". As súas pulsacións mantéñense inalterables ante un tigre e ante petardos valencianos, pero altérase desproporcionadamente ante dúas mulleres en bikini. Se non está a finxir, este home é mellor que non vaia á praia.

Pero os homes non son o que nos quere facer ver Pablo Motos:

viernes, 13 de enero de 2017

A cosificación da muller

Cando empezastes a buscar información sobre a muller en cada un dos campos do voso traballo, en moitos, as primeiras imaxes que saíron no buscador eran de carácter sexual e non tiñan moito que ver co tema que buscabades. 
A cosificación e sexualización da muller é algo constante nos medios.



A cosificación da muller

A principio do curso falamos da dignidade humana. Estudamos a dignidade humana como o dereito que ten todo ser humano a ser respectado e valorado só polo feito de ser persoa.
A cosificación consiste en tratar a unha persoa como se fora un obxecto, unha cousa non pensante que pode ser usada como un desexe.
Concretamente a cosificación sexual consiste en representar o tratar a unha persoa como un obxecto sexual, ignorando ás súas cualidades e habilidades intelectuais e persoais e reducíndoas a meros instrumentos para o goce sexual de outra persoa.
A cosificación sexual é unha forma de violencia contra as mulleres. Trátase dunha das posibles variantes nas que se presenta a  chamada violencia simbólica. A violencia simbólica é unha violencia indirecta, que consiste en "poñer a cadaquen no seu sitio" nunha relación de dominador e dominado. Nos medios de comunicación a violencia simbólica é todo aquelo que reforza estereotipos ou que cosifica ás mulleres quitándolles a súa humanidade, e xa que logo, os seus dereitos como persoa.
A socióloga americana Caroline Heldman deseñou un Test do Obxecto Sexual, que permite identificar a presenza de cosificación sexual nas imaxes:
- A imaxe mostra únicamente unha parte o partes do corpo da persoa?
- Mostra a imaxe a unha persoa sexualizada que actúa como soporte para un obxecto?.
- Mostra a imaxe a unha persoa sexualizada que pode ser intercambiada o renovada en calquera momento?.
- Mostra a imaxe a unha persoa que se pode mercar ou vender?.
- Mostra a imaxe a unha persoa sexualizada que está sendo maltratada?
- Mostra a imaxe a unha persoa facendo ás veces dun obxecto? (por exemplo unha muller facendo as veces de cadeira ou mesa).

A cosificación das mulleres está directamente na base dos abusos, violacións e  violencia de xénero. A violencia simbólica fai que moitos homes identifiquen ás mulleres, especialmente cando responden a determinados estereotipos, como obxectos sexuais. Un obxecto carece dos dereitos que ten calquera ser humano. Un obxecto non merece respecto.
Tetas y chistes machistas: el asqueroso mundo de los What´s app de tios

Traballos para o segundo trimestre

Deberemos elixir un tema calquera que nos guste. Todo vale: afeccións, profesións, etc. O traballo pode realizarse en pequeno grupo (máximo 3 persoas) ou individual, pero se se fai en grupo debe facerse sobre algunha cousa que lle guste a todos os membros do grupo.
Algúns dos temas elixidos son: mecánica, cociña, cine, tecnoloxía, perruquería, política, ánime, xogos de ordenador...
A final do trimestre presentaremos un traballo titulado "A mirada feminista no/na...." e engadimos o nome do que investigamos. Por exemplo: "A mirada feminista na mecánica", "A mirada feminista na cociña", "A mirada feminista no cine", etc. O traballo farémolo na clase buscando en internet, pero pode traerse de casa todo o material que se necesite, ou empregar a biblioteca do centro. Poden realizarse entrevistas persoais, fecer videos, ou calquera outra cousa que vos pareza interesante. O formato e a forma de investigar son totalmente libres. Pódese facer un blogg, presentar un power point, un traballo en word, vídeo ou calquera outra cousa que vos pareza interesante.
Os traballos exporánse neste blogg.
As cuestións que debemos investigar de entrada son as seguintes:
- Se existe sexismo en este campo e como se manifesta.
- O punto de vista das mulleres como parte activa, é dicir, o papel das mulleres como creadoras nese campo: no caso da mecánica, por exemplo, as mulleres con traballos relacionados coa mecánica, se hai moitas ou poucas, se atopan dificultades ou non, etc. No caso do cine se falaría das mulleres cineastas, por exemplo, ou das actrices, ou outros traballos relacionados co cine. Neste apartado entrarían reflexións relacionadas co teito de cristal, cobrar distinto polo mesmo traballo, estereotipos que entormpezan o labor creativo das mulleres, se reciben menos recoñecemento e visibilización ou non, etc.
- O punto de vista das mulleres como parte pasiva, é dicir, a imaxe que se da das mulleres nese campo. Por exemplo, no caso do cine, a imaxe que se da da muller nas películas; no caso da perruquería a imaxe da muller que se da na publicidade, ou o tipo de cortes de pelo e peinados que se espera nunha muller e qué imaxe dan dela; no caso da cociña a imaxe que se da da muller cociñeira na tv, no cine, na publicidade...
Despois cada un e cada unha pode afondar no aspecto que máis lle guste ou tirar de calquera fío interesante relacionado co sexismo nese campo.
Iremos combinando clases teóricas e prácticas, de tal forma que poidades ir aplicando o que aprendamos na clase aos vosos traballos. É dicir, se traballamos a linguaxe non sexista, debemos procurar que o traballo se redacte en linguaxe non sexista; se traballamos a cosificación da muller, fixarémonos se no noso campo de estudo se da esa cosificación e cómo, etc.

Alike: un corto animado para reflexionar.

Alike short film from Pepe School Land on Vimeo.

Alike: un corto animado para reflexionar. Pero para reflexionar un pouco máis aínda.

"Alike é un corto animado que nos invita a reflexionar sobre como facemos desaparecer a creatividade dos nenos"
Este é o tipo de comentarios que atoparedes sobre este estupendo corto de animación. Pero a nós Alike vainos valer para reflexionar moito máis aló.
Alguén pensou nas mulleres e nas nenas ao ver o video?.
Alike é tamén un corto animado que invita a reflexionar sobre como facemos desaparecer á muller da linguaxe, incluso da linguaxe visual.
Neste corto as mulleres simplemente non existen.
Pensades que quixeron facelas desaparecer para criticar a ausencia da muller nos espazos públicos? Para denunciar que durante séculos a muller fora confinada ao espazo privado do fogar?. Non. O corto non nos fai pensar para nada nas mulleres. Tiven que miralo varias veces para descubrir unha nena nun dos personaxes de recheo.
Podería ser que os personaxes foran asexuados e representaran indistintamente a homes e mulleres? Non. Empréganse símbolos inequívocos de masculinidade, como as garavatas.
Pode ser que o personaxe do fillo sexa en realidade unha nena?. Pois se isto fora así, estaría convertendo ás mulleres nunha minoría excepcional, coma se foramos o 1% da poboación, cando en realidade somos máis do 50%. Pero ademáis, nunha entrevista accesible en youtube, un dos coautores da curtametraxe, indica que é un neno.
Simplemente as mulleres non están porque quixeron evitar o accesorio, o prescindible, e eso é o que somos as mulleres para moitos homes: mulleres de, nais de , fillas de; non somos nós, por nós mesmas, co mesmo valor que eles. Somos prescindibles porque o que se quere transmitir non é nada que afecte directamente ás mulleres.
É o mesmo que ocorre nas tertulias televisivas, que só chaman a mulleres como expertas en feminismo, cancro de mama, maternidade... É dicir, chámannos cando é para ser expertas en "cousas de mulleres". Non as chaman apenas como expertas en peritaxe, inxeñería, política... Alike non ten mulleres porque non está traballando cun "asunto de mulleres".
Alike acaba sendo unha alegoría do androcentrismo na linguaxe. O androcentrismo é o enfoque das investigacións e estudios desde unha perspectiva do sexo masculino. Supón considerar aos homes como o centro e a medida de todas as cousas. Nunha sociedade androcéntrica o masculino é o modelo a imitar. Os varóns son considerados o suxeito de referenza e as mulleres como seres dependentes e subordinados a eles. Un exemplo sería referirse á "evolución do home", cando o que se pretende é falar da evolución de toda a humanidade. Ao escoitar esa frase non sabemos se está englobando ou non ás mulleres.  Se é así, estas quedan invisibilizadas, e se non é así, quedan excluídas.
A linguaxe sexista inflúe en que as mulleres se sintan excluídas e interioricen que non van con elas as cousas nas que non se lles menciona. É unha mensaxe subliminal que mamamos dende que nacemos. O mesmo que os artigos que tratan de coidados infantis exclúen o masculino, como se os pais non existiran ou non fora tanto con eles como con elas.
A linguaxe sexista tamén fai que as mulleres non sexan consideradas cando pensamos en postos de responsabilidade para os que hai que elixir a alguén. Dicimos "necesitamos un director de márketing" e o primeiro que nos ven á cabeza son os candidatos varóns.

Premendo neste enlace escoitaredes unha entrevista de radio a un dos codirectores da cortometraxe. No punto 5:25 queda patente que o video fala da paternidade como algo universal, non excluinte das mulleres. Se non introduce a palabra "nai" nese momento, quedaríamos coa dúbida de se está a falar só da paternidade masculina.
E neste outro enlace, a partir do minuto 45:40, fala do personaxe do "neno", quedando claro que non é unha nena.

Segundo a UNESCO:

Hai moita xente que pensa, equivocadamente, que a linguaxe non sexista consiste en falar en "escaleras e escaleros", ou encher todo de arrob@s; pero iso é falso. Hai moitas formas de empregar unha linguaxe que inclúa e visibilice ás mulleres e non as etiquete de forma negativa.
Moitos organismos teñen guías de linguaxe non sexista. Calquera delas pode valer para facernos unha idea de cara onde debemos camiñar. Estudaremos algúns exemplos. Nos vosos traballos deste trimestre deberedes procurar empregar este tipo de linguaxe.

Fontes:
  • UNESCO
  • http://suprimeracancion.blogspot.com.es/2012/11/el-universal-masculino-en-el-lenguaje_7.html

¡Moros fora!

Moros fora!

Esta foi unha das frases que máis chamou a atención da enquisa. Algunha xente comentou, con razón, que se trataba dunha frase racista ou xenófoba. Houbo algunha risiña nerviosa, pola sorpresa de atopar unha frase tan ofensiva nunha enquisa feita por unha profesora. A meirande parte do alumnado non detectou machismo ningún nela.
Sin embargo, esta frase ten unha forte carga machista na linguaxe. En qué tipo de personas pensamos cando escoitamos esta frase?. Seguro que non son imaxes como as que presenta o video:






domingo, 8 de enero de 2017

Enquisa "detección do machismo" decembro 2016

A enquisa tiña por obxecto coñecer ata que punto o alumnado de terceiro e cuarto da ESO, é quen de detectar machismo en determinadas afirmacións. En principio paséillela tamén ao grupo de 2º de PMAR, pero tiña un nivel demasiado alto para eles. Habería que facer unha enquisa específica para nivel de 2º da ESO, pero como sólo son cinco alumnos optei por conversar con eles e sacar conclusións.
Constaba de 22 items dos que a meirande parte eran puro recheo, para evitar que contestaran "o que a profe quere escoitar". O obxectivo principal era averiguar o nivel de feminismo que presenta o alumnado para saber cal é o punto de partida.

A enquisa: respostas "correctas" e resultados.





Pero con diferenza, o máis salientable é a dificultade para identificar a linguaxe sexista. 4 ítems tiñan como obxectivo averiguar a detección da linguaxe sexista. En 4º só unha rapaza conseguíu detectar todas e cada unha das frases que contiñan expresións que exclúen ás mulleres. En 3º tamén houbo unha rapaza que detectou a linguaxe sexista en case todos os ítems e que ao preguntar en voz alta se existe a palabra "usuarias" fixo caer na conta, só nese ítem a outras 3 alumnas.
A linguaxe sexista será un dos aspectos máis traballados.