jueves, 16 de marzo de 2017

A palla no ollo alleo

A muller saíu ao mundo do traballo fora da casa, pero o home non entrou aínda no doméstico. Desta maneira a muller ten unha dobre xornada laboral: a xornada fora da casa e a de dentro. Moita xente non percibe isto, de tan afeitos e afeitas que estamos a ver mulleres facendo tarefas do fogar. 
É moi común que determinados traballos que fan as mulleres cada día, non se consideren traballos se os fai unha muller pero sí se os fai un home: levar aos pequenos ás actividades estraescolares, ir falar coa titora, levar aos cativos ao médico, acompañalos e durmilos pola noite, erguerse a darlles auga, coser disfraces, invitar amiguiños do cole, etc. Tamén hai traballos que se consideran invisibles, xa que mesmo os homes que colaboran nas tarefas domésticas moitas veces non teñen en conta algunhas que se fan de tarde en tarde como limpar as portas, a prata, o pó das lámpadas, os caixóns por dentro, cambiar a roupa nos armarios segundo a época do ano, etc.
Debemos facernos conscientes e ir eliminando estas inxustizas diarias.