jueves, 30 de enero de 2020

Debuxámonos e creamos, actividade de 5º de Educación Primaria

O alumnado deseñou un póster individual no que, nunha metade se recolle a propia representación da imaxe persoal, e na outra metade, representan a imaxe que teñen do compañeiro ou compañeira co que fixeron a actividade. Unha  iniciativa na que o alumnado puido analizar a diversidade existente na aula, e a importancia da igualdade de dereitos e liberdade independentemente do xénero, cor da pel ou calquera característica persoal.
Con esta actividade as profesoras trataron de favorecer o autocoñecemento e as relacións interpersoais e intrapersoais do grupo.












O lápis máxico de Malala. Día da Paz


Quen non coñece ao premio Nobel da Paz máis novo e a súa marabillosa obra en pro do acceso á educación para as mulleres e nenas? Quen non a coñeza, que pregunte ao alumnado de 5º de Primaria do noso centro.
Aos dez anos de idade, Malala, comezou a sufrir o goberno dos Talibáns. Alzando a súa voz fíxose oír na comunidade internacional para protestar contra a situación das nenas, ás que se lles prohibira acudir á escola. Isto convertiuna en obxectivo destes terroristas, que en 2012 atentaron contra a súa vida. Afortunadamente sobrevivíu e puido seguir co seu labor humanitario. É a historia dunha nena moi valente que pode axudarnos a alimentar a conciencia social dos nosos nenos e nenas.
Malala conta neste marabilloso libro, como de pequena desexaba ter un lápis máxico para facer á súa vida máis cómoda e poder axudar aos demais. Co tempo decatouse de que o lápis nunca aparecería, pero que a maxia sí que existe.
A mestra, interpretou  "O lápis máxico de Malala", cunha lectura lenta e receptiva para o alumnado. Tras finalizar a lectura todo o grupo interpretou a historia e analizaron a súa biografía.
Unha sorpresa esperaba ao noso alumnado de 5º, xa que, ao pechar os ollos, na súa mesa aparecería "un lapis máxico" co que poderían escribir un soño individual. Logo pegarían ese soño nun gran mural no que se engadiu unha ficha técnica e unha frase célebre do conto, así como os soños de todo o alumnado de valores.